Poesía Polos Penedos. 22 de maio de 2021.
Efraim Diaz Efraim Diaz
2.17K subscribers
85 views
3

 Published On Jul 23, 2021

Video realizado por Pablo Alvite


#salvemoSOSpenedos

Trala noticia dun documento de inicio do proceso de avaliación de impacto ambiental do proxecto dun futuro parque eólico que se pretende instalar na contorna dos Penedos de Pasarela e Traba, naceu a Plataforma Salvemos os Penedos, formada por varias asociacións culturais e ecoloxistas, así como por persoas a título individual, coa finalidade de opoñerse a este desacertado proxecto, que produciría un dano irreparable nun dos espazos naturais máis emblemáticos da Costa da Morte.


Desde o primeiro momento este colectivo xa se manifestou totalmente en contra desta iniciativa que lle pareceu un auténtico atentado contra este conxunto xeolóxico e paisaxístico único, que representa un dos principais bens patrimoniais dos concellos de Laxe e Vimianzo, pero tamén da Costa da Morte e de Galicia, e que supón un recurso fundamental para o desenvolvemento da zona, na que o sector turístico se está a converter nun dos seus principais activos económicos.


Unha das primeiras iniciativas da Plataforma foi a de recoller sinaturas en contra da posible instalación deste parque eólico a través da plataforma dixital Change.org, que tivo e está a ter aínda, unha grande acollida entre a cidadanía, pois xa se levan recollidas preto de 4000 sinaturas.

A seguinte proposta acordada foi a presentación de alegacións ao documento de inicio do procedemento de impacto ambiental dos parques eólicos do monte Chan e da Pena dos Mouros por parte dos compoñentes da Plataforma, nas que se expuxeron con detalle as razóns polas que nos opoñíamos a eses dous proxectos, que de materializarse, causarían un grave impacto en todo este espazo natural.


O sábado 22 de maio organizouse unha xornada baixo a denominación POESÍA POLOS PENEDOS, que consistiu nun programa literario, musical e cultural, pero ao mesmo tempo reinvindicativo.


Logo do encontro diante da antiga escola Labarta Pose de Pasarela, os participantes sairán a pé, ás once da mañá cara aos Penedos, acompañados da música do grupo Trubisquiñas de Vimianzo.


Unha vez chegados ao espazo natural, a carón da Pedra Multiforme, comezará ás doce o Recital de Poesía no que participarán destacados escritores e escritoras da literatura galega, moitos deles vinculados á Costa da Morte, e que de xeito desinteresado, quixeron que a súa voz soase en defensa desta incomparable paraxe dos Penedos. Confirmaron a súa asistencia Rosalía Fernández Rial, Arancha Nogueira, Estevo Creus, Helena Salgueiro, Modesto Fraga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio López Valcárcel e Miro Villar. Queda algún máis por confirmar.


Presentará o acto o escritor, músico e comunicador, Xurxo Souto e a música interpretaráa o grupo Trubisquiñas de Vimianzo e o cantautor César Morán.


Rematado o recital, e despois dun pequeno descanso, que se aproveitará para tomar un bocata ou algo similar, iniciarase a Ruta polos penedos, guiada polo xeólogo e profesor Juan Ramón Vidal Romaní, que conducirá aos visitantes a gozar das singulares formas graníticas que nos mostran algunhas das rochas deste parque máxico.


O Plan de Xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, anunciado hai poucos días pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, con doce anos de retraso; así como a inauguración do itinerario por este espazo natural a iniciativa dos concellos de Vimianzo e Laxe, son totalmente incompatibles coa instalación de calquera parque eólico na súa contorna, máximo cando estamos a falar dunha Paisaxe Protexida por lei. Os parques eólicos non poden invadir todo o noso territorio, sen ningún tipo de límite, como sucede neste caso, sen respectar nin os poucos espazos protexidos que hai na Costa da Morte, como é este dos Penedos.



Todos os asistentes a esta actividade de Poesía polos Penedos, deberán respectar as medidas anticovid que aínda permanecen vixentes como son o uso obrigatorio de máscara e gardar a distancia de seguridade correspondente.


Plataforma Salvemos os Penedos

show more

Share/Embed